Sunday 05 de May de 2024

Rubén Gandoy, líder do Campionato Galego de Slálom, faise co XVI Slálom Concello de Touro


O actual líder do Campionato Galego de Slálom, Rubén Gandoy, do Equipo Ferrol, fíxose este fin de semana en Fonte Díaz, co XVI Slálom Concello de Touro. Correu cun Peugeot 106XS e logrou un tempo de 1.41.343. A proba estivo moi disputada. O segundo posto foi para Iván Ares, do Equipo Lalín-Deza, cun tempo de 1.41.894. O actual campión galego de Rallys 2014 utilizou un Citroën C2. O terceiro clasificado foi Adrián Bouza, do Equipo Neira e cun Peugeot106. O seu tempo foi de 1.42.154.
Máis de 2.000 persoas gozaron da proba automobilística o pasado sábado na que competiron unha trintena de pilotos. O día soleado axudou a que os afeccionados a este deporte se achegasen a Fonte Diaz, capital do Concello de Touro, onde estaba instalado o circuíto urbano de 1,7 quilómetros. O piloto local Alberto Pampín logrou o sexto posto. E Martín Fernández, tamén do Equipo Touro Motor, situouse no décimo terceiro lugar.
Patrocinado polo Concello de Touro, a organización da proba correu a cargo do equipo Touro Motor, unha das firmas máis activas do panorama automobilístico en Galicia. O seu presidente,Ramón González, destacou a afluencia de público e de pilotos e apostou pola consolidación desta cita automobilística. Tamén agradeceu o apoio na organización da proba dos integrantes de Amoeiro Escudería, de Ourense, así como de amantes deste deporte procedentes de Ferrol e Noia.